Visita

Visita a Cidade de Lugo

Lugo é unha cidade bimilenaria fundada no século I a.C. que conta cunha riqueza patrimonial, etnográfica, cultural e medioambiental que fan da cidade o sitio ideal ao que escaparse. Un lugar cunha historia tan presente que permite a quen o visita facer unha viaxe no tempo gozando de todas as comodidades da actualidade. Lugo é unha cidade viva, dinámica e culturalmente activa que ofrece centos de posibilidades a aquelas persoas que a visitan; o termo municipal está incluído na Reserva de Biosfera "Terras do Miño".

A cidade de Lugo conta con tres bens declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO:

O Camiño Primitivo a Santiago. Un dos diversos camiños históricos que atravesan a nosa cidade, como a Vía XIX, a Vía Rexia do Norte ou a Vía Künig.

A Catedral de Lugo que é a única catedral que conta cunha exposición permanente do Santísimo Sacramento xunto con moitos outros tesouros.

A Muralla Romana de Lugo, que é a única do mundo que conserva todo o seu perímetro e que permite a quen nos visita pasear polo seu adarve de xeito gratuíto.

A ponte romana, as diferentes salas museísticas, os múltiples parques e paseos pola natureza sen necesidade de saír da cidade así como a intensa vida e oferta cultural da cidade fan desta un lugar inesquecible e acolledor que visitar.